Autoras e autores, polo mero feito de selo, teñen unha serie de dereitos sobre as súas obras que lles outorgan plena capacidade e exclusividade para poder explotalas. Denomínanse «dereitos de autor» e son de dous tipos:
Dereitos morais
Son de carácter persoal e irrenunciables, e algúns deles son ilimitados no tempo: por exemplo, o dereito ao recoñecemento da autoría e da integridade das obras mantense para sempre.
Dereitos económicos
Os dereitos de explotación son limitados no tempo e a súa duración depende da lexislación de cada país. Son dereitos transferibles, é dicir, pódense vender, ceder ou compartir con terceiros, con xuro económico ou non. Daquela, a súa titularidade non pertence sempre á persoa autora, xa que esta puido cedelos ou vendelos a unha terceira persoa ou entidade, como a un editor, un compilador…
A lexislación protexe os dereitos morais e económicos dos autores sobre as súas obras e regula as condicións de uso por parte do público. Isto significa que, para utilizar unha obra, cómpre ter a autorización expresa do/a autor(a) ou dos titulares dos dereitos. En moitos casos, o uso dunha obra adoita requirir unha compensación económica ou un pagamento polo seu uso, reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación.